XeoParque Costa da Morte

Para alguén alléo a Galicia o nome "Costa da Morte" ten un aquel sinistro que ainda sorprende mais ao saber que a Costa da Morte é a parte mais viva, e tamén a mais nova, da beiramar galega. Falar de xoven ou vello en Xeoloxía sempre leva a sorpresas pois as rochas da Costa da Morte, nomeadamente a pedra de gran ou granito teñen una idade de arredor de 305 millóns de anos. Mais a novidade non está só na idade senon tamén en que as rochas da Costa da Morte foron as primeiras que se formaron no espazo que hoxe se chama Galicia. A xeoloxía de Galicia seguindo a soberbia síntese de Isidro Parga Pondal resúmese en dúas castes de rocha: lousa (pizarra) e pedra de gran (granito). As dúas rochas agora están xuntas pero nen o lugar onde se formaron nen a súa idade coinciden. A lousa se formou a partires de sedimentos mariños acumulados no fondo de mares lonxanos e que a Tectónica de Placas foi raspillando paseniñamente, a una velocidade de 20 milímetros por ano, quedando atrapados entre duas grandes masas continentais: Gondwana e Laurrusia que ao xuntárense deron Panxea, o mais grande continente que xamais se viu ata agora sobre a Terra. Foi nesa enorme colisión cando se formou a pedra de gran ou granito. Gondwana subduciu (afondou) baixo Laurrusia e as enormes temperaturas e presións xeradas levaron á sua fusión e á criación de magmas que na superficie deron lugar a arcos illa (como o arquipélago de Xapón) cada un con cadansúa ringleira de volcáns. Despois foron 100 millóns de anos de erosión que deron cabo dos volcáns arrasándoos hastra as raices e poñendas ao descoberto: é o que hoxe vemos como os granitos da Costa da Morte. Hai 200 millóns de anos o megacontinente Panxea comenzou a romper e con elo defínese a actual liña da beiramar galega. Foi entón cando a Costa da Morte ficou definida. Unha fera fronte de fortalezas rochosas desde Monte Louro, O Pindo, Fisterra, Cabo da Buítra, Cabo Vilán, Traba, Punta Roncudo, Illas Sisargas, Cabo Prior e Prioriño. Todas elas forman a última visión que se ten dende o mar cando se abandona Galicia e tamén son a primeira visión cando a volta.

E ainda que fose só por iso deberíaselle chamar a Costa da Vida, e tamén por cause de ser xeográficamente a fronte que protexe Galicia dos tremendos temporais que dende hai milenios e durante o inverno atura a costa galega. Ben certo é que estes acontecementos sempre se teñen resolto cun longo relato de traxedias con sacrificio de vidas humanas, inxentes perdas económicas e desastres ecolóxicos. Mais estes ataques provocados pola mar téñense contabilizado equivocadamente como se Galicia, a fortaleza sitiada polo exército inimigo, o mar, entendese os seus trunfos como derrotas. A Costa da Morte é a primeira liña que opón Galicia aos ataques da mar e a todo o que aquel empurra cara o continente. Trátese do Serpent, dos vapores tóxicos do Casón, do petróleo do Prestige e derradeiramente da gabarra ucraniana Prima. E de todos estes ataques feitos a Galicia polas ondas, os ventos e os seus enemigos ficaron derrotados nos fondos areosos constituindo o patrimonio submariño dos trunfos da Galicia que sempre ten saído trunfante das embestidas das ondas e do que con elas chegou. Mais a miña visión como xeólogo da Costa da Morte é tamén diferente cando, asomándome ao mar dende os faros rochosos da Costa da Morte, teño a fortuna de poder revivir na miña imaxinación o momento no que as terras de Norteamérica e Canadá, agora lonxe, na outra beira do océano, fuxiron nesa longa viaxe de milleiros de quilómetros comenzada hai douscentos millóns de anos. As grandes rías galegas a norte e a sur da Costa da Morte formáronse cando rompe Panxea, o grande supercontinente que reunía todas as terras do Mundo. Daquela a Costa da Morte pasa de ser una terra sen matices localizada no interior dun enorme continente a convertirse no fermoso país actual á beira do mar e que se conserva intacta ao non ter sido afectada nen pola erosión dos ríos galegos nen polo ataque sen piedade da mar. A Costa da Morte coa sua alma rexa de pedra de gran (granito) e a mais intacta representación da primeira faciana de Galicia despois da rotura de Panxea 200 millóns de anos antes de agora.

Juan Ramón Vidal Romani
Vicepresidente Xeoparque Costa da Morte

Tradución en: Español - English